O 2025 foi proclamado polas Nacións Unidas como o Ano Internacional das Cooperativas baixo o lema “As cooperativas constrúen un mundo mellor”. Desde Abeluria queremos sumarnos a esta celebración global, destacando o papel esencial das cooperativas como motores de desenvolvemento sostible, inclusión social e crecemento económico.
Por que un Ano Internacional das Cooperativas?
O pasado 19 de xuño de 2024, a Asemblea Xeral da ONU recoñeceu a contribución das cooperativas ao avance dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Esta proclamación chega nun momento crucial, cando a humanidade se enfronta a desafíos como o cambio climático, as desigualdades sociais e a transformación económica.
As cooperativas, por definición, promoven valores como a solidariedade, a participación democrática e o desenvolvemento sostible. Por iso, o Ano Internacional das Cooperativas 2025 convértese nunha oportunidade para visibilizar as nosas contribucións e reforzar o compromiso colectivo para construír un futuro mellor.
Os obxectivos do Ano Internacional das Cooperativas 2025
Esta celebración mundial centrará os seus esforzos en:
•Sensibilizar ao público sobre a importancia das cooperativas no desenvolvemento sostible.
•Promover o crecemento e a innovación dentro do sector cooperativo.
•Fomentar marcos legais e políticas de apoio que favorezan o desenvolvemento das cooperativas.
•Inspirar novas xeracións para que se unan ao movemento cooperativo e impulsen o liderado participativo.
Un futuro cooperativo e sostible
O logo oficial do Ano Internacional das Cooperativas, composto por tres cores —vermello, azul e verde—, simboliza as dimensións social, económica e ambiental do desenvolvemento sostible. Así mesmo, reflicte a unión das persoas en todo o mundo baixo unha visión común: a creación dun mundo máis xusto e inclusivo.
----------
Desde Abeluria convidámosvos a participar nas iniciativas que se desenvolverán ao longo do 2025. Xuntas e xuntos, podemos seguir demostrando que as cooperativas non só son modelos empresariais eficaces, senón tamén ferramentas fundamentais para alcanzar un futuro sostible e equitativo. Este ano será unha oportunidade única para poñer en valor o modelo cooperativo e inspirar máis persoas a unirse a este movemento global.